Sunday 19 de May de 2024

As 5 bandeiras azuis refrendan un ano máis a aposta pola calidade ambiental e turística de Oleiros


Un ano máis, Oleiros lucirá este verán as 5 bandeiras azuis nas principais praias do litoral: Santa Cristina, Bastiagueiro, Naval, Mera e Espiñeiro, cinco aprezados areais que xa están fornecéndose da estrutura estival para ofrecer os mellores servizos.

As cinco bandeiras falan por si mesmas da calidade medioambiental e dos servizos públicos que nelas se prestan, tanto a nivel de equipamento físico nos propios areais ou arredores, como no completo dispositivo de seguridade que se desprega cada ano para reducir ao mínimo as incidencias na atractiva costa do municipio.

A manciña de bandeiras refrenda novamente a aposta pola excelencia e a visibilidade da marca Oleiros como destino turístico, un dos baluartes da economía local, que se respalda tamén polo mimo con que se coida a paisaxe e se xenera un espazo público de altísima calidade ambiental.

Parques, sendas e paseos complementan o turismo de praia con alternativas de ocio na natureza, ademais da ampla oferta gastronómica e hosteleira, pratos fortes do posicionamento turístico do municipio.

Deja un comentario